O día 20 de Outubro está previsto
realizar o cocedoiro dunha fornada de pezas de barro tal e como facían
tradicionalmente os cacharreiros da parroquia de Bonxe (Outeiro de Rei).
Previamente, o día anterior, cargaranse os cacharros que se pretenden cocer para
iniciar ás 11.30 horas unha operación que se desenrolará durante varias horas,
rematando preto da noitiña.
Esta actividade cultural terá
lugar no forno das olas, que posúe a artesán cacharreira Pepa do Indalecio
emprazado no lugar da Veiga, na mesma parroquia de Bonxe. O acto está
organizado pola asociación Canaveira dentro do seu programa xeral de
actuacións encamiñado á conservación e posta en valor da cerámica
tradicional.
Deste modo, o acto previsto é
continuación dos cocedoiros realizados o pasado ano no forno de Lulle (Samos) e
da publicación editada polo CENTRAD da Deputación de Lugo “Formas
Tradicionais da Cerámica Popular. Samos” na cal se presenta unha achega á
fabricación de cacharros de barro nas terras do concello samonense.
Ao remate da xornada (das 17.00
en diante), convidarase ás persoas asistentes con empanadas e castañas que
se asarán no forno situado, así mesmo, ao carón do Obradoiro da artesán
chairega onde se realizará este cocedoiro de cacharros.
O luns día 21, a partir das 12.00
horas, procederase a descargar o forno tendo en conta que os cacharros xa
estarán fríos.